Desde a Coordenadora concebiuse o proxecto no seo do 75º aniversario do pasamento de Castelao. A proposta foi apoiada e organizada desde a concellería de cultura do concello de Ferrol e así comezamos a pensar e artellar posibilidades de teatro, música, danza e colaboración directa con Bos Aires.
Desde o outro lado do atlántico o alumnado do colexio Santiago Apóstol do Centro Galicia prepara a presentación do evento para logo ser retransmitido ao vivo no auditorio de tal centro.
A ferrolá Cuerda Floja producións está editando debuxos e rótulos que acompañaran a obra.
Obra de teatro creada e dirixida por Pim Patiño Peña con actores e actrices do mundo do teatro e novéis que colaboran altruistamente co proxecto. Ata 12 actores pasarán polo escenario.
Coa música do coro máis carismático, o coro de voces brancas do conservatorio de Ferrol. O pequecoro e o seu irmán maior o Pequecoro In Crescendo sempre fixeron unha gran labor pola dinamización da lingua en todas as actividades nas que participan. Esta é unha máis.
Músicos do mesmo centro e outros fundiranse con bailaríns, profesionais e alumnado de maquillaxe do Ies Ricardo Carvalho Calero, luces e son de Tedaga, cartelería e programas de man de Item-Aga.
Os ingredentes non poden ser mellores. A cocer e a probalo o 22 de novembro no teatro Jofre.
